Alejandro Lerroux
Alejandro Lerroux García, nado en La Rambla (Córdoba) o 4 de marzo de 1864 e finado en Madrid o 25 de xuño de 1949), foi un político andaluz, que ocupou a presidencia do goberno de España durante un breve período da Segunda República.
Traxectoria
Lerroux García, fillo dun veterinario militar, comezou a carreira das armas, pero abandonouna enseguida. Licenciouse en Dereito, e desde a súa mocidade militou nos partidos republicanos, seguindo a Manuel Ruiz Zorrilla. Dedicouse ao xornalismo, desenvolvendo un estilo agresivo e populista; dirixiría varias publicacións, entre elas El País, El Progreso, La Publicidad, El Intransigente e El Radical. Varias veces detido e preso, impenitente duelista á usanza romántica, estableceuse en Barcelona, onde foi nomeado director do diario La Publicidad. Coas súas campañas, duramente anticlericais e populistas, gañouse ao ambiente obreiro, e chegou a ser chamado o Emperador do Paralelo, sector barcelonés de alegre vida nocturna. As campañas do seu xornal produciron disturbios de carácter antimilitarista e anticatalanista, contrarrestados por fortes reaccións doutros sectores opostos, ata que o aire barcelonés empezou a facérselle irrespirable.
Electo deputado por primeira vez en 1901 pola Unión Republicana, entre cuxos fundadores se contara, repetiu en 1903 e 1905, ata que o cofundador Nicolás Salmerón abandonase o partido para incorporarse á coalición Solidariedade Catalá en 1906; Lerroux decidiu entón separarse, descontento co crecente nacionalismo catalán, para o que formou en 1908 o Partido Republicano Radical.
A condena contra un dos seus artigos levouno por primeira vez ao exilio en 1907; volvería abandonar o país escapando das represalias gobernamentais trala Semana Tráxica de Barcelona en 1909. Ao seu regreso ingresou na Conjunción Republicano-Socialista, e recuperou en 1910 o seu escano de deputado; con todo, os escándalos de corrupción que se sucederon o afastaron do seu electorado barcelonés, e en 1914 a falta de apoio levouno a presentarse en Córdoba. Participou en política aínda durante a ditadura de Miguel Primo de Rivera, aínda cando a secesión dos Radical-Socialistas de Marcelino Domingo en 1929 debilitou o seu partido; formou parte do comité revolucionario que preparou o derrocamento de Afonso XIII, e participou na proclamación da Segunda República Española en 1931.
Apoiou as reformas do goberno de Manuel Azaña durante o seu primeiro bienio, e como ministro de Estado formou parte da coalición de esquerda que apoiou a este. Con todo, aproximouse ás posicións da dereita e en 1933 pactou cos conservadores que obtiveron o poder. Entre 1933 e 1935 ocupou tres veces a cabeza do goberno, ademais das carteiras de Estado (1935) e con carácter interino a de Guerra (1934) trala dimisión de Diego Hidalgo Durán. O seu definitivo derrube político viría dado pola súa implicación no escándalo do estraperlo, que motivou o seu afastamento da coalición gobernante. Non obtivo éxito nas eleccións de 1936, e exiliouse en Portugal ao comezo da Guerra Civil Española. Regresou a España en 1947, téndose reconciliado cos líderes do alzamento militar do ano 1936.
Predecesor: Álvaro de Figueroa y Torres, Conde de Romanones |
Ministro de Estado de España 1931 |
Sucesor: Luis Zulueta Escolano |
Predecesor: Manuel Azaña |
Presidente do Consello de Ministros de España 1933 |
Sucesor: Diego Martínez Barrio |
Predecesor: Diego Martínez Barrio |
Presidente do Consello de Ministros de España 1933 - 1934 |
Sucesor: Ricardo Samper e Ibáñez |
Predecesor: Ricardo Samper e Ibáñez |
Presidente do Consello de Ministros de España 1934 - 1935 |
Sucesor: Joaquín Chapaprieta Torregrosa |
Predecesor: Juan José Rocha García |
Ministro de Guerra de España 1934 - 1935 |
Sucesor: José Martínez de Velasco |
Predecesor: Diego Hidalgo Durán |
Ministro de Estado de España 1935 |
Sucesor: Carlos Masquelet Lacaci |