Ramiro Ledesma Ramos
Ramiro Ledesma Ramos, nado en Alfaraz de Sayago,[1] provincia de Zamora, o 23 de maio de 1905, e finado en Aravaca, provincia de Madrid, o 29 de outubro de 1936, foi un ensaísta, filósofo e político español. Director do semanario La Conquista del Estado, foi unha figura clave na articulación intelectual do fascismo español; en opinión de autores como González Cuevas, foi o "máximo teorizante do fascismo español".[2][3]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 23 de maio de 1905 Alfaraz de Sayago (España) |
Morte | 29 de outubro de 1936 (31 anos) Aravaca (España) |
Causa da morte | execución extraxudicial, execución por arma de fogo |
Actividade | |
Ocupación | filósofo, escritor, falanxista, xornalista, político, novelista |
Partido político | Juntas de Ofensiva Nacional-Sindicalista |
Xénero artístico | Ensaio |
Aliado con Onésimo Redondo, ambos fundarían en 1931 as Juntas de Ofensiva Nacional-Sindicalista (JONS), que se fusionaron en 1934 coa Falange Española de José Antonio Primo de Rivera e Julio Ruiz de Alda para dar lugar a Falange Española de las JONS (FE de las JONS). Enfrontado con Primo de Rivera, foi expulsado da organización en 1935, volvendo, tras fracasar na reactivación das antigas JONS, para dedicarse á actividade intelectual. Despois do inicio da guerra civil, que o sorprendeu no Madrid leal á Segunda República, foi detido por milicianos e finalmente fusilado durante unha saca de presos.
Traxectoria
editarOrixes e anos de formación
editarNaceu o 23 de maio de 1905 en Alfaraz de Sayago, unha pequena localidade da provincia de Zamora que apenas chegaba aos cincocentos habitantes. Aos poucos anos trasladouse coa súa familia a Torrefrades, onde o seu pai exercía a profesión de mestre.
Ingresou moi novo no corpo de Correos e Telégrafos, e despois de varios destinos chegou a Madrid, onde rematou o bacharelato. Frecuentou o Ateneo e conseguiu darse unha ampla e sólida cultura, en boa medida autodidacta. En 1926 matriculouse na Facultade de Ciencias e na de Filosofía da Universidade de Madrid, na que coincidiu con docentes como José Ortega y Gasset, Julián Besteiro, Xavier Zubiri, Manuel García Morente, Manuel B. Cossío e Fernando de los Ríos, mostrando Ledesma particular predilección polo primeiro, de quen se acabou convertendo nun dos seus máis asiduos seguidores.[4] Profundou no estudo do filósofo Martin Heidegger e colaborou, desde moi novo, en La Gaceta Literaria, revista literaria fundada e dirixida por Ernesto Giménez Caballero,[5] onde se expresaba a xeración do 27, e na que a partir de 1929-1930 empezarían a cobrar eco —por influencia do seu director— posicións de inspiración fascista.[6]
En 1929 a súa colaboración alcanzaba a máis selecta das publicacións culturais españolas: a Revista de Occidente, fundada e dirixida por Ortega. Sufría dun defecto na pronuncia do erre o que limitou o seu potencial como orador e do cal se mofaría en última instancia José Antonio Primo de Rivera.[7]
Participación política
editarContra 1930, despois de acumular unha inxente cantidade de lecturas filosóficas (de autores españois, alemáns, franceses e italianos), «o novo concepto máis importante para el foi o Angst heideggeriano», en opinión de Payne. Así, «a angustia e a ameaza da nada —conclúe o historiador estadounidense— só podían ser superadas pola vontade e o logro, por unha acción que se fose convertendo cada vez máis en acción directa».[8]
Foi a comezos de 1931, en febreiro, cando dá o paso de intelectual a activista político dando a coñecer o manifesto titulado La conquista del Estado que será a orixe do movemento que, posteriormente, se denominou como nacionalsindicalista. Este movemento é unha doutrina de «terceira posición» partidaria da planificación económica cualificada como sindicalismo nacional ou fascismo á española. Para a súa difusión, de marzo a outubro de 1931 serviuse dos vinte e tres números do semanario A Conquista do Estado —refllexo do xornal italiano La conquista dello Stato, dirixido por Curzio Malaparte— na que «propugnaba unha política parecida á dos nazis».[9]
O 10 de outubro de 1931, produciuse a creacións das JONS (Juntas de Ofensiva Nacional–Sindicalista) a partir da fusión do grupo que estaba ao redor do semanario, dirixido por Ledesma, coa Junta Castellana de Actuación Hispánica de Onésimo Redondo.[10] Nos seguintes tres anos, téntase aumenta-la presenza da nova organización, creando unha nova revista denominada JONS, mais apenas chegou a ter certa influencia entre os universitarios en Madrid e os agricultores en Valladolid até que, paseniñamente, Ledesma Ramos comezou un achegamento a Falange Española, que conduciu ao triunvirato, por fusión de ámbalas dúas formacións políticas, en FE de las JONS xunto a Julio Ruiz de Alda e José Antonio Primo de Rivera en febreiro de 1934. A unificación entre as devanditas organizacións xurdiu da iniciativa do propio Ledesma Ramos, asistente ao acto fundacional de Falange Española.[11]
Expulsión de FE de las JONS
editarCon todo, Ledesma Ramos foi expulsado da formación en xaneiro de 1935, interpretándose a súa saída polos antigos jonsistas como froito da súa desconformidade coa evolución de FE das JONS, próxima ao reformismo burgués e afastado da vía revolucionaria proletaria que dicían defender os seus partidarios. «A literatura falanxista, ao interpretar estas querelas, deu énfases ás diferenzas teóricas e políticas; pero fundamentalmente foron o resultado das ambicións persoais de ámbolos dous lados».[12] En calquera caso, trala súa saída levou a cabo un intento errado de reactivación das JONS como grupo independente e mantívose claramente afastado da Falanxe, a pesar de que presentaría de novo a súa axuda a título persoal a José Antonio Primo de Rivera en 1936.
En 1935, publicou o libro Fascismo en España? (co pseudónimo de «Roberto Lanzas»), no que incluía fortes descualificacións contra Primo de Rivera e Falange. Do mesmo ano foi tamén o seu Discurso a las juventudes de España, que pode considerarse como a obra doctrinal máis consistente do fascismo español.
Guerra civil española
editarNada máis producirse o abandono de Falange, o 16 de febreiro de 1935 editou o primeiro número do semanario La Patria Libre (do que só saíron sete números, o derradeiro o 30 de marzo de 1935). E unha semana antes da sublevación militar, o 11 de xullo de 1936, publicou o primeiro e único número da revista Nuestra Revolución, onde pedía aos seus lectores «apoios, adhesións, ombreiros que se xunten cos nosos para levar ao triunfo a bandeira social, nacional e revolucionaria que hoxe necesitan de modo urxente os españois».[13]
Poucos días despois do golpe militar contra a República que ao fracasar daría paso á guerra civil española, foi detido na rúa Santa Juliana, no barrio de Cuatro Caminos de Madrid, preto do seu domicilio, por milicianos socialistas e internado na prisión de Ventas. De alí foi «sacado», xunto a outros presos, entre os que se atopaba o destacado intelectual contrarrevolucionario Ramiro de Maeztu e o xefe da Falange Española de Villaverde Albino Hernández Lázaro, para ser fusilado nas tapias do cemiterio de Aravaca o 29 de outubro de 1936.[14][15]
Ideoloxía
editarNa súa ideoloxía, tense sinalado a influencia de Nietzsche,[16] que para Simancas e Moraleja é a máis relevante.[17] Ademais tamén lle influíron outros autores como Fichte (Borrás afirma que o Discurso a las juventudes de España de Ledesma tiña a pretensión de cumpri-la mesma función que o Discurso á nación alemana de Fichte),[18] Hegel, Heidegger,[19] Unamuno (a quen adicou a súa novela El sello de la muerte),[20] Ortega e Gasset,[21] Giovanni Gentile,[3] Georges Sorel, Valois,[22] Joaquín Costa,[21] Oswald Spengler e Nicolai Hartmann.[23]
Foi admirador do nacionalsocialismo e de Adolf Hitler, até o punto de imitar o peiteado deste último.[24][25][26][27] De acordo con Stanley G. Payne, foi «o primeiro intelectual que definiu un fascismo español relativamente claro e preciso».[28] A súa mensaxe era accidentalista na cuestión da forma de Estado.[29] Ledesma, que desprezaba a José María Albiñana —ao que adscribiu unha «xesticulación reaccionaria»—,[30] foi cualificado en 2004 polo escritor falanxista Gustavo Morales como «o máis claro engarce co fascismo orixinal».[31] Chegou a expor a posibilidade de articular unha alianza coa CNT fronte ao marxismo —proposición cualificada como «ilusión sen porvir» por Ferran Gallego—.[32]
Ledesma opinaba que rematara o tempo do terrorismo secreto e que se abría unha nova etapa na que serían milicias uniformadas e perfectamente disciplinadas as que exercesen a violencia que os seus obxectivos políticos precisaban,[33] ao estilo das camisas negras italianas ou as camisas pardas de Hitler.[33] Aínda que Ramiro Ledesma xogou en ocasións á confusión e chegou a publicar «A Ramiro Ledesma e aos seus camaradas —escribiu co pseudónimo de Roberto Lanzas en Fascismo en España?— vanlles mellor as camisas vermellas de Garibaldi cás negras de Mussolini».
A violencia destes grupos, especialmente contra grupos de esquerda, non tardou en ser frecuente. Un forte antiliberalismo e antimarxismo (incluíndo neste a todas as correntes obreristas) impregnaba a súa propaganda, así como un rexeitamento ao sistema parlamentario e democrático. Aínda que en La Conquista del Estado esixía a extirpación do marxismo por ser «materialista, antiespañol e subversivo», daba a benvida a tódolos réximes revolucionarios do estranxeiro, incluíndo a Unión Soviética, e mesmo declarou que prefería un sistema económico de tipo soviético en España sempre que este fora puramente español antes có dominio da «burguesía estranxeira».
O número catro da publicación (4 de abril) pedía a inmediata revogación de tódalas concesións ao capital estranxeiro. Esa edición foi retirada pola policía, pois no número anterior insistírase na intención do grupo de «impor violentamente a súa política». No número do 4 de xuño, a mesma publicación sostiña:[34]
¡Viva o mundo novo do século XX!
¡Viva a Italia fascista!
¡Viva a Rusia soviética!
¡Viva a Alemaña de Hitler!
¡Viva a España que faremos!
¡Abaixo as democracias burguesas e parlamentarias!
Trala súa saída de FE das JONS, Ledesma chegou a esbozar no Discurso ás mocidades de España (1935) un proxecto imperial que consideraba imprescindible para a realización nacional plena, detallando unha serie de reivindicacións, que, comezando por «recuperar» Xibraltar pasaría pola unión co «gran pobo portugués», abríndose como marco de expansión unha liña norteafricana «dende o Atlántico a Tunes» con «moitas ilusións» enterradas e «moito sangue español», apostando tamén polo afondamento de vínculos «con todo o gran bloque hispano da nosa América».[35]
Fundamentalmente agnóstico, non se mostra nos seus escritos unha marcada inquietude de signo relixioso marcada e, mesmo, chegou a se mofar da relixiosidade de Redondo.[36] Con todo, o seu agnosticismo entraría en crise, ao parecer, pouco antes da súa execución.[2]
Obras
editarObra literaria
editar- El sello de la muerte (1924). Novela con prólogo de A. Vidal y Planas. Madrid: Ed. Reus.
Obra ensaística
editar- El Quijote y nuestro tiempo (1924). Texto inédito con prólogo de Tomás Borrás. Editado postumamente en 1971. Madrid: Ed. Vassallo de Mumbert.
Obra política
editar- Escritos políticos. La conquista del Estado (1931). Reeditado en 1986. Madrid: Edición de Trinidad Ledesma Ramos.
- Escritos políticos - JONS. (1933-1934). Reeditado en 1985. Madrid: Edición de Trinidad Ledesma Ramos.
- Discurso a las juventudes de España (1935). Madrid: Ediciones «La Conquista del Estado» Reeditado en 2003, 8ª edición, con estudo preliminar de Pedro Carlos González Cuevas. Madrid: Biblioteca Nueva.
- ¿Fascismo en España? (1935). Madrid: Publicaciones «La Conquista del Estado». (co pseudónimo Roberto Lanzas).
- Escritos filosóficos (1941). Madrid. Reeditado en 1983 por Tecnos como La filosofía, disciplina imperial; con estudo preliminar de Santiago Montero Díaz.
- ¿Fascismo en España? La patria libre, nuestra revolución. Reeditado en 1988. Madrid: Edición de Trinidad Ledesma Ramos
- Obras completas (2004). Madrid/Barcelona: Fundación Ramiro Ledesma - Círculo Cultural «La Conquista del Estado». 4 vols.
Notas
editar- ↑ Jiménez Cortacans (2013), pp. 56-57.
- ↑ 2,0 2,1 Simancas & Moraleja (2001), p. 252.
- ↑ 3,0 3,1 González Cuevas (2001), p. 130.
- ↑ Soto Carrasco (2011), pp. 83-84
- ↑ Tussell (1999), p. 82 «Giménez Caballero, o seu editor, admirador entusiasta de Mussolini, foi un representante característico da vangarda literaria e do fascismo español».
- ↑ Selva (2000), pp. 156-163 para a evolución producida en Ledesma —en boa medida agochado baixo Giménez Caballero— dende o seu lugar como comentarista filosófico e científico de La Gaceta Literaria até a aparición de La Conquista del Estado.
- ↑ Preston (2002), p. 223.
- ↑ Payne (1997), p. 136.
- ↑ Thomas (1976), p. 134.
- ↑ Sesma (2012), p. 56.
- ↑ Tussell (1999), p. 82.
- ↑ Jackson (1979), p. 169.
- ↑ «A los lectores de NUESTRA REVOLUCIÓN», Nuestra Revolución, núm. 1, 11 de xullo de 1936.
- ↑ «In memoriam Arquivado 17 de novembro de 2018 en Wayback Machine.», ABC, 10 de agosto de 1939. Consultado o 18 de setembro de 2014.
- ↑ "Ramiro Ledesma Ramos 1905-1936". filosofia.org (en castelán). Consultado o 18-9-2019.
- ↑ Simancas & Moraleja (2001), p. 249.
- ↑ Simancas & Moraleja (2001), p. 262.
- ↑ Borrás (1971), p. 249.
- ↑ Saz (1986), p. 193.
- ↑ Saz (1986), p. 189.
- ↑ 21,0 21,1 Saz (1986), p. 188.
- ↑ Perfecto García (2012), p. 85.
- ↑ Núñez Seixas (2015), pp. 42-43.
- ↑ Thomas (1976), p. 134: «Ledesma levou a súa admiración a Hitler até o extremo de copia-lo mechón de cabelo que lle caía sobre a fronte».
- ↑ Simancas & Moraleja (2001), p. 258: «durante un tempo a Ledesma gustáballe ir peiteado como Hitler».
- ↑ Payne (1995), p. 258: «He temporarily affected a hitlerian hairstyle».
- ↑ Thomas (1966), p. 177: «Clearly affected as he was by Hitler (whom he tried to copy physically)...».
- ↑ Payne (1997), p. 135.
- ↑ Sesma (2012), p. 62.
- ↑ Gil Pecharromán (2013), p. 143.
- ↑ Morales (2004), p. 10.
- ↑ Gallego (2005b), p. 268.
- ↑ 33,0 33,1 Gallego (2005a), p. 167.
- ↑ Payne (1997), p. 140.
- ↑ Parra Montserrat (2012), pp. 97-98.
- ↑ Simancas & Moraleja (2001), pp. 247-252.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ramiro Ledesma Ramos |
Bibliografía
editar- Borrás, Tomás (1971). Ramiro Ledesma Ramos (en castelán). Madrid: Editora Nacional.
- Casali, Luciano (2003). Società dei massa, giovanni, rivoluzioni. Il fascismo dei Ramiro Ledesma Ramos (en italiano). Bolonia: CLUEB.
- Cuadrado Costa, José (1990). Ramiro Ledesma Ramos. Un romanticismo de aceiro (en castelán). Madrid: Barbarroja.
- Gallego, Ferran (2005a). Ramiro Ledesma Ramos y el fascismo español (en castelán). Madrid: Síntses.
- Gallego, Ferran (2005b). "La realidad y el deseo. Ramiro Ledesma en la genealogía del franquismo". En Gallego, Ferran; Morente, Francisco. Fascismo en España. Ensayos sobre los orígenes sociales y culturales del franquismo (en castelán). Barcelona: El Viejo Topo. pp. 253–447.
- Gil Pecharromán, Julio (2013). Sobre España inmortal, solo Dios. José María Albiñana y el partido nacionalista español (1930-1937) (en castelán). Madrid: UNED Ediciones. ISBN 978-84-362-6662-7.
- González Cuevas, Pedro Carlos (2001). "Las tradiciones ideológicas de la extrema derecha española". Hispania. Revista española de historia (en castelán) 61 (207): 99–141. ISSN 0018-2141. OCLC 1064495577.
- Jiménez Cortacans, Alfons (2013). El fracàs d'una utopia. Comunicació política dels feixismes a Espanya durant la Segona República, 1931-1936 (PDF) (Tese doutoral) (en catalán). (Arquivado dende o orixinal o 18 de abril de 2015). Xirona: Universitat de Girona. Departament d'Història i Història de l'Art. Archived from the original on 18 de abril de 2015. Consultado o 18 de setembro de 2019.
- Morales, Gustavo (xuño 2004). "Fascismo en España: Claves del desarrollo nacional sindicalista en la primera mitad del siglo XX". El Catoblepas (en castelán) 28 (28). ISSN 1579-3974.
- Núñez Seixas, Xosé M. (2015). "Ecos de Berlim: a influência do nacional-socialismo alemão no fascismo espanhol (1930-1940)". Estudos Ibero-Americanos (en portugués) 41 (1). ISSN 0101-4064. doi:10.15448/1980-864X.2015.1.20424.
- Parra Montserrat, David (2012). La narrativa del africanismo franquista. Génesis y prácticas socio-educativas (PDF) (en castelán). (Tese doutoral). Valencia: Universitat de València.
- Payne, Stanley G. (1995). A History of Fascism 1914-1945 (en inglés). Madison (Wisconsin): University of Wisconsin Press. ISBN 0-299-14870-X.
- Payne, Stanley G. (1997). Franco y José Antonio. El extraño caso del fascismo español (en castelán). Barcelona: Planeta. ISBN 84-08-02286-5.
- Preston, Paul (2002). Doves of War: Four Women of Spain (en inglés). Boston: Northeastern University Press. ISBN 1-55553-560-7.
- Sánchez Diana, José María (1975). Ramiro Ledesma Ramos. Biografía política (en castelán). Madrid: Editora Nacional.
- Saz, Ismael (1986). "Tres acotaciones a propósito de los orígenes, desarrollo y crisis del fascismo español". Revista de estudios políticos (50): 179–212. ISSN 0048-7694.
- Selva, Enrique (2000). Ernesto Giménez Caballero entre la vanguardia y el fascismo (en castelán). Valencia: Pre-Textos. ISBN 84-8191-325-1.
- Sesma Landrin, Nicolás (2012). "La dialéctica de los puños y de las pistolas": una aproximación a la formación de la idea de estado en el fascismo español (1931-1945)". Historia y Política: Ideas, Procesos y Movimientos Sociales. (en castelán) (27): 51–82. ISSN 1575-0361. doi:10.18042/hp.
- Simancas Tejedor, Moisés; Moraleja, Alfonso (2001). Archivado desde el original el 23 de diciembre de 2014. "Nietzsche y otras influencias intelectuales en Ledesma Ramos" (PDF). Cuaderno gris (en castelán) (5): 247–264. ISBN 84-932145-4-X. ISSN 0213-6872. Archived from the original on 23 de decembro de 2014. Consultado o 18 de setembro de 2019.
- Soto Carrasco, David (2011). "El rapto de Europa. Orígenes filosófico-políticos del fascismo español. El caso Ledesma Ramos". Scienza & Politica (en castelán) (Bolonia) 23 (44): 77–97. doi:10.6092/issn.1825-9618/2734.
- Thomas, Hugh (1966). "The Hero in the Empty Room: Jose Antonio and Spanish Fascism". Journal of Contemporary History (en inglés) 1 (1): 174–182. ISSN 0022-0094.
- Tusell, Javier (1999). Historia de España en el siglo XX (II). La crisis de los años treinta: República y Guerra Civil (en castelán). Madrid: Taurus. ISBN 84-306-0630-0.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Juan C. García, «Las obras completas de Ramiro Ledesma Ramos».