Pesca en Galicia
O sector pesqueiro de Galicia, que abrangue todas as actividades relacionadas coa pesca extractiva, o marisqueo e a acuicultura, continúa a ser un dos primeiros eixos da economía galega.
Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), no ano 2004 a cifra de negocio deste sector bateu a barreira dos 1.000 millóns de euros. Ademais da facturación directa, esta actividade estimula o funcionamento doutros moitos axentes económicos en Galicia. De feito, do sector pesqueiro galego dependen non só os máis de 25.700 mariñeiros, acuicultores e mariscadores que faenan habitualmente senón tamén os traballadores de actividades como a industria conserveira, os estaleiros ou o comercio[1].
Introdución
editarA particular importancia da pesca en Galicia vén condicionada pola súa situación xeográfica, en augas temperadas por mor da súa latitude media, e pola extensión da súa costa, con case mil cincocentos quilómetros. A primeira destas características, xunto á estrutura xeolóxica da costa formando profundas e numerosas rías, garante unha elevada e variada riqueza de recursos, especialmente mariscos (mexillóns, ameixas, ostras, nécoras, centolas) e aquelas especies de peixe de distribución costeira (como sardiña, xurelo ou pescada). Canto á segunda, a costa galega ofrece numerosas zonas apropiadas para usos portuarios e incrementa a área da plataforma continental, hábitat que buscan numerosas especies de peixes.
Por todos estes motivos, o desenvolvemento do sector pesqueiro galego é notable, tanto no volume da frota pesqueira (Galicia posúe case o 40% dos barcos españois) como no das estruturas e industrias auxiliares (portos, almacéns frigoríficos e industrias transformadoras). Isto pode explicar que Galicia sexa tamén a principal porta de entrada dos produtos da pesca procedente doutros países. Os principais portos galegos son o de Vigo (dos principais do mundo.[2]) e o da Coruña. Aínda así, a pesca en Galicia ve como vai minguando o número de capturas desde hai anos tanto polo esgotamento das pesquerías tradicionais como polas condicións políticas de acceso ás mesmas. Así, o total da pesca desembarcada está a minguar, mais mantendo o valor de mercado por mor da suba dos prezos.
Aspectos económicos
editarEn termos económicos, a pesca en Galicia vén representa-lo 10% do PIB galego, aínda cando a práctica totalidade desta actividade se concentre loxicamente na franxa costeira. No 2004, a facturación deste sector superou os 1.000 millóns de euros. Representa ademais unha fonte de actividade económica moi diversificada nos sectores industrial e de servizos, ata o punto de que o 12% do emprego galego depende directa ou indirectamente da pesca, o que converte a Galicia na comunidade europea máis dependente do sector pesqueiro. O número de traballadores directos neste sector supera os 25.700, entre mariñeiros, mariscadores e empregados no sector da acuicultura,[3] e estímase que cada emprego no mar crea catro máis en actividades en terra relacionadas co peixe, por exemplo nas industrias conserveiras (ó redor de 12.000 empregados) e conxeladoras (en torno ós 8.000 empregos).[4]
As actividades pesqueiras en Galicia podémolas dividir en pesca extractiva, marisqueo e acuicultura. O total de embarcacións, incluídos parques de cultivos flotantes e barcos auxiliares, supera as 8.000 unidades, das que máis de 5.200 son barcos de pesca, con case 118.000 toneladas de rexistro bruto. A gran maioría, 4.500 barcos, dedícase á pesca de baixura, fundamentalmente no interior das rías, mentres que o resto distribúese entre a frota do litoral, que realiza as súas capturas no caladoiro nacional (na costa galega, cantábrica e portuguesa) mediante artes de cerco e de arrastre e a frota de altura ou de grande altura. Estímase que un 25% da frota galega pesca en augas comunitarias ou internacionais (Gran Sol, Suráfrica e Suramérica, especialmente).
Pesca extractiva
editar- Artigo principal: Pesca extractiva en Galicia.
O volume de capturas vendido nas lonxas galegas en 2007 foi de 172,2 millóns de quilogramos[5], dos que case 150 estiveron constituídos por peixes (o 86,83%), entre os que destacan, en volume e por esta orde, o xurelo, a pescada, a xarda, a sardiña e o lirio[6]. Por detrás estarían os moluscos bivalvos (o 5,97%) e os cefalópodos (5,61%). Debe terse en conta que boa parte dos produtos da pesca comercialízanse por outras vías (por exemplo, o mexillón ou a ostra van directamente ás industrias depuradoras ou conserveiras, sen pasar por lonxa).
Marisqueo
editar- Artigo principal: Marisqueo en Galicia.
O marisqueo realízase principalmente de modo artesanal e a pé, na faixa costeira que queda ó descuberto co devalo da marea, aínda que tamén é significativa, nas Rías Baixas, a modalidade de marisqueo a flote. As principais especies capturadas son as distintas variedades de ameixa e o berberecho. Este último, con 4,7 millóns de toneladas, representa case a metade do volume dos moluscos vendidos nas lonxas, 10,3 millóns de toneladas en 2007[5].
Acuicultura
editar- Artigo principal: Acuicultura en Galicia.
Finalmente, a acuicultura constitúe unha especialización da explotación dos recursos mariños cada día máis desenvolvida e prometedora en Galicia, en constante proceso de expansión. No ano 2005, Galicia achegou o 82% da produción de acuicultura española, sendo o mexillón a especie máis representativa, con case 300.000 toneladas, un 96% do total. A seguir estaría o rodaballo, con 5.700 toneladas.
Notas
editar- ↑ "Datos de emprego no sector pesqueiro". Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2012. Consultado o 23 de novembro de 2011.
- ↑ Mosquera, Javier (11 de novembro de 2012). "El primer puerto pesquero del mundo". Faro de Vigo (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 29 de marzo de 2019. Consultado o 29 de marzo de 2019.
- ↑ IGE. Macromagnitudes da pesca. Ano 2003-2004.
- ↑ Sector pesqueiro. Datos do emprego. Arquivado 28 de marzo de 2009 en Wayback Machine. Consellaría de Pesca.
- ↑ 5,0 5,1 Anuario de Pesca, 2007 (Servizo de Produción Pesqueira da Dirección Xeral de Recursos Mariños. Consellería de Pesca).
- ↑ Datos da produción. Arquivado 16 de outubro de 2008 en Wayback Machine. Consellaría de Pesca.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- A memoria do mar. Fotografías do mundo do mar galego.