Noia
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde febreiro de 2016.) |
Noia é un concello costeiro da provincia da Coruña, capital da comarca de Noia. Segundo o padrón municipal (INE 2020) ten 14.274 habitantes e ten unha extensión de 37,2 km². O seu xentilicio é noiés.
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia da Coruña | ||||
Capital | Noia | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 14.115 (2023) (379,44 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 37,2 km² | ||||
Bañado por | Océano Atlántico | ||||
Altitude | 10 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Santiago Freire Abeijón | ||||
Eleccións municipais en Noia | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 15200 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 15057 | ||||
Páxina web | concellodenoia.gal |
Poboación
editarCenso total (habitantes) | 14.271 (2018) |
---|---|
Menores de 15 anos | 1.662 (11.6 %) |
Entre 15 e 64 anos | 9.325 (65.3 %) |
Maiores de 65 anos | 3.485 (24.4 %) |
- Fonte INE; 1857-2011
Evolución da poboación de Noia Fontes: INE e IGE. | ||||||||||||||||||
1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 |
9.791 | 10.975 | 12.118 | 14.126 | 14.481 | 14.970 | 14.876 | 14.757 | 14.659 | 14.571 | 14.472 | 14.337 | 14.295 | 14.271 | |||||
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
Xeografía
editarO concello está situado ao sur da desembocadura do río Tambre na ría de Muros e Noia. Limita ao norte con Outes (a través da serra de Outes), ao sueste con Lousame e ao leste con Brión.
No seu percorrido por Noia, o río Tambre ten dous encoros, na actualidade pertencentes a Gas Natural Fenosa: os encoros do Tambre I e II. No núcleo urbano desemboca o río Traba.
Noia ten un clima oceánico húmido, con abundantes choivas durante todo o ano e temperaturas suaves.
Historia
editarOs primeiros poboados nas desembocaduras dos ríos Tambre e Traba foron creados hai uns 5.000 anos. Desa época consérvase o dolmen de Argalo, do período megalítico. Do período castrexo consérvanse restos do castro da Barquiña, aldea que foi a orixe primitiva de Noia. Coa romanización de Galicia creáronse pontes sobre os dous ríos, que foron reformadas na Idade Media, e das que xa non se conservan restos.
Na Idade Media o porto marítimo tivo moita influencia na expansión económica da vila, que dependía da mitra compostelá. No ano 1147 a frota que levaba a Segunda cruzada viuse obrigada a fondear en Noia[1] debido ao temporal e aproveitaron para peregrinar a Santiago de Compostela, onde se lles debeu sumar o conde Fernando Froilaz de Traba, logo seguiron camiño e axudaron ao rei Afonso Henriques contra os mouros. Durante o século XIV Noia foi adquirindo a actual configuración urbana, e levantáronse as murallas, a fortaleza de Tapal, os hospitais, e reedificáronse varias igrexas, como a de Santa María e San Martiño.
Houbo varios enfrontamentos entre os señores feudais e o Arcebispado. Durante a Revolta Irmandiña os campesiños destruíron a fortaleza de Tapal. Finalmente, os señores acabaron vencendo e obrigaron aos Irmandiños a reconstruír torres e castelos.
Durante o século XVI houbo un renacemento económico e cultural, con novas construcións e a creación de feiras e mercados de gando. En 1585 Filipe II vendeu a vila a un comerciante xenovés buscando fondos para os seus proxectos bélicos, iniciándose un período de decadencia que continuou até o século XVII. No século XVIII a fidalguía mediaba coa igrexa para subarrendar as terras ao campesiñado, obtendo grandes ingresos, cos que se construíron pazos, como o de Argalo ou o de Bergondo. A finais dese século asentáronse na poboación industrias derivadas do mar.
A comezos do século XIX Noia separouse do Arcebispado. En 1846 tivo lugar na vila parte do levantamento militar provincialista contra o presidente Ramón María Narváez, levado a cabo polos mártires de Carral, que implicou unha época de represalia do goberno que levou a moitos noieses ao exilio e a emigración.
Na década de 1920 construíuse no río Tambre a primeira gran central hidroeléctrica galega, promovida pola Sociedad Gallega de Electricidad, cun edificio deseñado por Antonio Palacios.
Patrimonio histórico-artístico
editar- Muralla, da que só se conserva un resto no dique de Cadarso.
- Igrexa de Santa María a Nova, do século XIV, en estilo gótico mariñeiro, cunha ampla mostra de máis de cincocentas laudas sepulcrais desde o século XIV ó XIX.
- Igrexa de San Martiño, do século XV.
- Pazo Dacosta, de 1339.
- Pazo do Forno do Rato, do século XV.
- Cruceiro de Eiroa, do século XVIII, na parroquia de Barro.
- Ponte Nafonso, sobre o Tambre.
Festas
editar- 25 de abril (prolóngase tres ou catro días) - Feira de San Marcos. Destaca a feira de gando e maquinaria agrícola.
- 16 de xullo - Virxe do Carme. Destaca a procesión organizada pola Confraría de Pescadores San Bartolomeu de Noia.
- 3º fin de semana de xullo - Feira medieval. Ambientación medieval no casco medieval da vila.
- 24 de agosto (prolóngase 5 ou 6 días) - Festa de grande afluencia na honra de San Bartolomeu. Destacan as verbenas, os concertos e o espectáculo pirotécnico.
Noia na literatura popular
editar- Refraneiro
- Xente de Noia, campana de pau, tocan a misa co corno.
- Cantigueiro
- A aldeíña do Obre/ de lonxe parece vila,/ ten un caravel na entrada/ e unha rosa na saída [2].
- Alá no medio do mar/ vin saltar unha sardiña,/ mariñeiriños de Noia/ vinde alá cunha traíña [3].
- Anque che somos de Buño/ e nin todos somos oleiros,/ tamén as xentes de Noia/ nin todos son zapateiros [4].
- As muchachiñas do Couto/ elas para todo son,/ para cantar e bailar/ e tirar polo legón [5].
- De Rianxo, miña nai,/ de Rianxo para Noia,/ de Rianxo, miña nai,/ que se fai a festa toda [6].
- Hoxe teño que ir a Barro/ pola colleita de millo,/ hoxe teño que ir a Barro,/ de Barro non me despido [7].
- Inda que somos de Buño/ non somos todos oleiros;/ tamén na terra de Noia/ non son todos zapateiros [8].
- O carballo da Chaínza,/ ten a folla revirada,/ que lla revirou o vento/ nunha mañán de xiada [9].
- O carballo da Chaínza,/ ten tres carros de madeira:/ un é meu, o outro é teu/ o outro de quen o queira [10].
- Os de Noia son borrachos,/ os de Muros aloqueiros,/ os de Fisterra son mouros,/ e os do Son sonche bucheiros.[11]
- Os de Noia son bos mozos,/ os de Muros baloqueiros,/ os de Fisterra son negros,/ e os do Son son mariñeiros [12].
- Os zapateiros de Noia/ valen pouco e van a menos,/ venden cento por un carto/ como un plato de xurelos.
- Para zapateiros, Noia,/ para pescadas, o Son,/ para mozos ¡viva Boiro!/ para borrachos, Cespón [13].
- Si todo o mar fora leite/ e Monte Louro boroa,/ xa terían que comer/ os tramalleiros de Boa [14][15].
- Somos de Santa Cristina,/ pequeniños como ratos,/ o que se meta con nós/ leva unha man de sopapos [16].
Galería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes de Noia.
-
Igrexa de San Martiño
-
Casa do Concello
-
Rúa
-
Laudas gremiais na Igrexa de Santa María "A nova"
-
"A nao do ar", obra de Alfonso Costa en homenaxe a Avilés de Taramancos (2003)
-
Igrexa de San Martiño.
Parroquias
editarGalicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Noia | |
---|---|
Argalo (Santa María) | Barro (Santa Cristina) | Boa (San Pedro) | Noia | O Obre (Santa Mariña) | Roo (Santa María) |
Lugares de Noia
editarPara unha lista completa de todos os lugares do concello de Noia vexa: Lugares de Noia.
Notas
editar- ↑ A nobreza altomedieval galega, a familia Froilaz-Traba" J.L. López Sangil ed Toxosoutos 2005
- ↑ Refírese a Santa Mariña do Obre, parroquia de Noia. Álvaro das Casas, en Nós 94, 15.10.1931, 193.
- ↑ Álvaro das Casas, en Nós 94, 15.10.1931, 192. No orixinal: c-unha, traiña.
- ↑ Buño, parroquia de Malpica de Bergantiños. Álvaro das Casas, en Nós 95, 15.11.1931, 215.
- ↑ Álvaro das Casas (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 95, 15.11.1931, 216. No orixinal: pol-o, lijón. Resulta difícil concretar a que Couto se refire a cantiga. Na parroquia de Noia do concello do mesmo nome hai un "O Couto de Arriba" e outro "O Couto de Abaixo"; o Nomenclátor non recolle ningún lugar co nome de "O Couto" no concello.
- ↑ Fermín Bouza-Brey 1929, 204. No orixinal: Noya.
- ↑ Santa Cristina de Barro é unha parroquia do concello de Noia. Álvaro das Casas, en Nós 94, 15.10.1931, 192. No orixinal: oxe, pol-a.
- ↑ Gran Enciclopedia Galega IV, s.v. artesanía.
- ↑ Álvaro das Casas (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 94, 15.10.1931, 192. No texto: Chainza, mañan.
- ↑ A Chaínza é lugar da parroquia do Obre, do concello de Noia. Álvaro das Casas, en Nós 95, 15.11.1931, 216. No texto: Chainza, tén, e teu.
- ↑ Cantigas do viño. Aloque ou aloqueiro significan pantano, lameira, e, por extensión, atranco, dificultade, compromiso. Bucheiro pode significar barrigán, tripón; ou pescador de bucheiros, nome local dos muxos.
- ↑ Álvaro das Casas, en Nós 94, 15.10.1931, 192. No orixinal: bós. Segundo Eladio Rodríguez, chámase baloqueiro á persoa moi aficionada ás balocas (castañas ou patacas) cocidas.
- ↑ Fermín Bouza-Brey 1929, 172. No orixinal: Noya, Són.
- ↑ Boa é a parroquia máis occidental do concello coruñés de Noia, lindando con Porto do Son. Tramalleiros son os que pescan ó tramallo, unha arte de pesca formada por tres redes superpostas. Álvaro das Casas, en Nós 94, 15.10.1931, 192; no orixinal: Montelouro,
- ↑ Lino Lema Bouzas, 15.
- ↑ "Pra un canzoneiro de Noia", en Nós 100, 15.04.1932, 71.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Noia |
Bibliografía
editar- ANÓNIMO: Cantigas do viño. Edicións Castrelos, Col. O Moucho 6, Vigo 1968.
- Bouza Brey, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
- Casas, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 1931.
- Gran Enciclopedia Galega, Ed. Silverio Cañada, Lugo 2003.
- Lema Bouzas, Lino (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993.
- González Pérez, Clodio; XOGAINA, Suso: La iglesia y el cementerio de Santa María A Nova de Noia, A Coruña, 2003.
- Pérez Mato, Manuela (2023). Aproximación histórica ás parroquias de Noia. Noia: Toxosoutos. ISBN 978-84-125393-8-7.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Portus Apostoli Arquivado 17 de agosto de 2019 en Wayback Machine.