Malik ibn Anas
Malik bin Anas (en árabe: مالك بن أنس), nado en Medina en 711 (93 AH) e finado na mesma cidade en 795 (179 AH), foi un xurista, teólogo e hadithista árabe musulmán. O seu nome completo era Mālik bin ʾAnas bin Mālik bin ʾAbī ʿĀmir bin ʿAmr bin al-Ḥārith bin Ghaymān bin Khuthayn bin ʿAmr bin al-Ḥārith al-Aṣbaḥīy, e é coñecido como Imam Mālik polos sunnitas malikianos.[1]
Traxectoria
editarMalik naceu na cidade de Medina, e chegou a converterse no principal estudoso das tradicións proféticas no seu tempo,[1] que procurou aplicar á "total vida legal" para crear un método sistemático de xurisprudencia musulmá que só se expandiu co paso do tempo.[1] Referido polos seus contemporáneos como Imán de Medina, as opinións de Malik en asuntos de xurisprudencia foron moi apreciadas durante a súa vida e con posterioridade, converténdose no fundador dunha das catro escolas do dereito sunnita, a maliki,[1] que pasou a ser o rito normativo para a práctica sunnita de gran parte do norte de África, Al-Andalus, gran parte de Exipto e zonas de Siria, o Iemen, Sudán, Iraq e Khorasan,[2] e destacas ordes sufís, incluídas a Shadiliyya e a Tijaniyyah.[3]
Non obstante, quizais a maior achega de Malik aos anais da historia islámica é a súa compilación da Muwatta, unha das máis antigas e máis veneradas coleccións de hadiths sunnitas e un dos primeiros libros de leis musulmáns superviventes,[1] en que Malik intentou dar unha visión xeral do dereito e a xustiza, do ritual e da práctica da relixión segundo o consenso do islam en Medina, e crear un estándar teórico para os temas que non estaban establecidos polo punto de vista do consenso e a sunna.[1] Composto nos primeiros días do califato abásida, tempo en que houbo un crecente recoñecemento e apreciación do dereito canónico, a obra de Malik axudou a esquematizar un "camiño suave" (que é o que significa literalmente al-muwaṭṭaʾ) a través das diferenzas de opinión mesmo sobre as cuestións máis elementais.[1] Denominado "o mellor libro do mundo despois do Corán" por al-Shafi'i,[2] a complilación da Muwatta levou a que Malik fose honrado con epítetos como ""Xeque do islam", "Proba da comunidade", "Imán da morada da emigración! e "experto erudito de Medina" na tradición sunnita posterior.[2]
De acordo coa tradición clásica, Mahoma pronosticou o nacemento de Malik cando dixo: "Axiña o pobo golpeará os flancos dos camelos na procura do coñecemento e non atoparán máis experto que o experto erudito de Medina",[4] e, noutra tradición, "O pobo ... porase en camiño do leste ao oeste sen atopar máis sabio do pobo que en Medina".[5] Aínda que algúns estudosos posteriores, como Ibn Hazm e Tahawi, dubidan sobre a identificación do misterioso sabio de ambas as tradicións con Malik,[6] a interpretación máis estendida continúa a ser que devandita personaxe era Malik.[6], al-Shafi'i, que logo foi o fundador doutra das catro escolas ortodoxas da lei sunnita, dixo do seu mestre: "Ninguén forma un favor tan grande para min na relixión de Deus como Malik ... cando se mencionan os eruditos, Malik é a estrela guía".
Malik faleceu aos 83 ou 84 anos en Medina en 795 e está soterrado no cemiterio Jannat ul-Baqi xunto á Mesquita do Profeta. Aínda que se construíu un pequeno santuario arredor da súa tumba durante a idade media, con moitos musulmáns visitándoo, a construción foi derrubada polo reino de Arabia Saudita durante a campaña de demolición de moitos lugares da tradición islámica tralo establecemento do reino en 1932.[7]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Schacht, J., "Mālik b. Anas", en: Encyclopaedia of Islam, Second Edition, Editado por P. Bearman, Th. Bianquis, C.E. Bosworth, E. van Donzel, W.P. Heinrichs. Brill Online.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Gibril F. Haddad, The Four Imams and Their Schools (Londres: Muslim Academic Trust, 2007), p. 121
- ↑ "Shadiliyya" e "Tijaniyyah" en: Encyclopaedia of Islam, Second Edition, Editado por P. Bearman, Th. Bianquis, C.E. Bosworth, E. van Donzel, W.P. Heinrichs. Brill Online.
- ↑ "Narrated by Abu Hurayrah by Ahmad, al-Tirmidhi who said it is hasan -- in some manuscripts hasan sahih -- al-Hakim (1:90-91) with three chains, declaring it sahih by Muslim's criterion, al-Bayhaqi in al-Sunan al-Kubra (1:386), etc." (Gibril F. Haddad, The Four Imams and Their Schools [Londres: Muslim Academic Trust, 2007], páx. 121, nota 271).
- ↑ Gibril F. Haddad, The Four Imams and Their Schools (Londres: Muslim Academic Trust, 2007), páx. 122
- ↑ 6,0 6,1 Gibril F. Haddad, The Four Imams and Their Schools (Londres: Muslim Academic Trust, 2007), páx. 122-23
- ↑ O viaxeiro e xeógrafo andalusí medieval Ibn Jubayr describe que viu unha pequena cúpula sobre a tumba de Malik cando visitou o cemiterio a finais do século XII.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Malik ibn Anas |