Literatura galega do exilio
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2017.) |
A Literatura galega do exilio é a produción literaria en galego despois da guerra civil (1936-1939) desenvolvida fóra de Galiza. A guerra civil e a conseguinte ditadura franquista (1939-1975) supuxo o desmantelamento do sistema literario galego en Galiza. Co establecemento dun réxime estrito de censura que desconfiaba de toda manifestación artística que non estivese en castelán e co traslado de importantes axentes culturais como Castelao, a produción literaria en galego ten continuidade nos países de acollida dos exiliados.
Poesía
editarNa literatura do exilio a poesía será un dos xéneros máis cultivados. Esta poesía caracterízase por retomar o ton cívico e social, que ficara nun segundo plano desde Ramón Cabanillas. As consecuencias da guerra civil e a experiencia do exilio marcará a produción dos poetas do exilio. As figuras máis importantes do xénero adscríbense ao círculo de Buenos Aires: Luís Seoane, Emilio Pita e Lorenzo Varela.
Luís Seoane, chegado á Arxentina durante os primeiros tempos da contenda, terá un destacado papel nas distintas actividades culturais galegas, como promotor de editoriais e publicacións periódicas. Ademais de ser o principal dinamizador cultural galego do exilio, déixanos catro títulos de poesía (Fardel de esilado (1952), Na brétema, Sant´Iago (1956), As cicatrices (1959) e A maior abondamento (1972), cuxos trazos principais son a recreación histórica, ton cívico e sinxeleza na linguaxe.
A poesía cívica é tamén característica da obra de Lorenzo Varela, aínda que neste autor hai unha maior preocupación formal. En Catro poemas pra catro gravados (1944), recrea catro figuras da historia galega: María Pita, María Balteira, Roi Xordo e o bispo Adaúlfo, mais será Lonxe (1954) a súa grande achega á literatura galega. As liñas temáticas deste poemario son: a guerra civil e as súas consecuencias e a experiencia do exilio e a saudade que provoca.
Emilio Pita, malia estar emigrado na Arxentina, inclúese xeralmente dentro do exilio polo seu compromiso político e a súa biografía, que o liga ao destino dos exiliados. Dentro da súa produción, distinguimos unha poesía combativa cun forte compromiso cívico e unha poesía próxima á literatura popular e neotrobadoresca. Á primeira liña responden os títulos Jacobusland (1942) e Polos camiños do pobo.[1] Á segunda liña pertencen poemarios destinados a un público infantil: Cántigas de nenos (1944) e O ronsel verdegal (1964).
Outros poetas do exilio son: Florencio Delgado Gurriarán, exiliado en México e director de Vieiros, Ramón Rey Baltar, autor do primeiro libro en galego sobre a guerra civil, A gaita a falare. Lembranzas e maldicións (1939) e Ernesto Guerra da Cal.
Narrativa
editarA narrativa do exilio foi durante moito tempo escurecida, posibelmente pola obra de Blanco Amor, Ánxel Fole e Álvaro Cunqueiro. Esta narrativa está fortemente determinada pola experiencia vital dos seus autores. Os seus máximos representantes son Ramón de Valenzuela, Antón Alonso Ríos e Silvio Santiago. Ramón de Valenzuela vai ser o primeiro en testemuñar o episodio da guerra civil en Non agardei por ninguén (1957). Esta temática terá continuidade en Era tempo de apandar (1980). Por outra banda, a primeira novela de Antón Alonso Ríos, Da saudade. Amore, arte e misticismo (1956) é debedora á tradición da Xeración Nós. No ano 1979 publica O siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte (memorias dun fuxido) é unha novela autobiográfica, onde narra as súas experiencias de fuxido até que chega a Bos Aires, vía Portugal. Na narrativa de Silvio Santiago, temos a mesma recreación autobiográfica. En Villardevós (1961) recrea a súa vila natal e en O silencio redimido céntrase na traxedia da guerra civil.
Teatro
editarCando se fala de teatro na diáspora, xeralmente faise unha distinción entre teatro de exiliados, denominado "Teatro culto" e o dos emigrantes, identificado como "Teatro popular".
Teatro popular
editarA emigración galega en América tíñase organizado por medio de numerosas asociacións. Estas organizacións incluían entre as súas actividades representacións teatrais, levadas á escena na maioría dos casos por afeccionados. Na década dos 30 o teatro galego coñece novos pulos na Arxentina, ao coincidiren en Bos Aires dramaturgos como Ricardo Flores Pérez e Varela Buxán, actrices como Maruxa Boga e Maruxa Villanueva e o actor Fernando Iglesias Tacholas. O teatro de Varela Buxán ten como obxectivos: achegar os emigrantes á súa terra natal, idealizada na distancia, e manter a unión da colectividade. En 1938 crea a Compañía Galega Maruxa Villanueva, onde traballaban a propia actriz e Tacholas e representou obras de Varela Buxán ( A xustiza dun muiñeiro ou O ferreiro de Santán ) e Os vellos non deben de namorarse. Ao desfacerse esta compañía, os actores Tacholas e Maruxa Boga crean a Compañía Galega Boga-Tacholas, que sería en gran medida continuadora da anterior. Pola súa banda, Ricardo Flores crea en 1952 o Cadro de Declamación Lugrís Freire, que estreou obras de autor de Sada como Para isso som teu amigo ou Ugio e obras do teatro rexionalista.
Teatro culto
editarO teatro culto, a diferenza do teatro popular, que apelaba á afectividade e sentimentos do público, segue os camiños de renovación formal do teatro das Irmandades da Fala. Neste contexto estréase en 1942 no Teatro Mayo de Bos Aires Os vellos non deben de namorarse de Castelao, quen encarga a súa representación á Compañía Galega Maruxa Villanueva. Con esta obra Castelao pretendía superar o realismo do século XIX. Porén, a estrea non tivo o éxito agardado, polo emprego de técnicas expresionistas, acostumado o público ao realismo e pola natureza das personaxes, carentes de cualidades morais, ao contrario que no teatro popular. Este fracaso fixo que os escritores galegos repensasen o seu modelo de teatro.
No caso de Eduardo Blanco Amor intentou crear un teatro popular, renunciando ás técnicas máis vangardistas. Con este obxectivo, crea en 1957 o grupo Teatro popular galego. Este cadro leva a escena Estadeíña de Lugrís Freire e O cantar dos cantares ou Galicia 1948 de Blanco Amor e nos 60 volve ao teatro e dirixe o grupo do Ateneo Curros Enríquez. Outra actitude témola en Luís Seoane que, malia escribir pezas teatrais, non levou ningunha a escena. Como dramaturgo, deixou tres obras escritas A soldadeira, O irlandés astrólogo e Esquema de farsa.
Notas
editar- ↑ Este poemario ficou inédito até 1999, ano en que foi descuberto por X. Maceira Fernández
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- VVAA (2001) Literatura Galega. Século XX. A Nosa Terra. Vigo
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Riveiro Espasandín, Xosé (2001) [1995]. "El exilio gallego de 1939" Las literaturas exiliadas en 1939. Instituto Cervantes (en castelán).