Ficción

simulación da realidade que realizan as obras literarias, cinematográficas ou doutro tipo

Denomínase ficción á simulación da realidade que realizan as obras literarias, cinematográficas ou doutro tipo, cando presentan un mundo imaxinario ao receptor. O termo procede do latín fictus ("finxido", "inventado"), participio do verbo fingere.

Ilustración de 1865 para a obra de ficción Alicia no país das marabillas de Lewis Carroll que representa a protagonista Alicia xogando un fantástico xogo de croquet.

Porén, non todos os feitos presentados nunha ficción son necesariamente imaxinarios; é o caso por exemplo da novela histórica, que toma para base feitos históricos revelados, pero que aproveita as vacuidades da Historia para presentar personaxes ou acontecementos, sacados da imaxinación do autor.

Historia do concepto de ficción

editar

O concepto de mímese

editar

O concepto de ficción na tradición occidental está moi ligado ao concepto de mímese, desenvolvido na Grecia clásica, nas obras de Platón (quen consideraba as obras poéticas como imitacións dos obxectos reais, que á súa vez eran imitacións das ideas puras) e sobre todo na Poética de Aristóteles, na que o concepto de mímese ten un papel esencial. Para Aristóteles, todas as obras literarias copian a realidade, de acordo co principio da verosimilitude; o que diferencia a literatura da historia é que esta copia as cousas que sucederon e aquela as que poderían suceder.

Cómpre insistir que Aristóteles non di que a literatura deba de ser a imitación do mundo real, senón a imitación "das accións dos homes". Esta diferenza é a que permite que o verosímil irreal teña lugar na literatura. Paul Ricoeur subdividiu o concepto de mímese aristotélico en tres fases:

  • Mímese 1: o proceso de configuración do texto e a disposición da trama por parte do autor.
  • Mímese 2: a propia configuración do texto, que pode responder ou non ao mundo exterior.
  • Mímese 3: a reconfiguración do mundo do texto que debe de realizar o lector ou espectador.

Relación coa catarse

editar

A Poética de Aristóteles tamén introduciu outro concepto moi relacionado co anterior, o de catarse. A traxedia, ao imitar accións de personaxes boas que caen en desgraza, logrou a implicación emocional do espectador, quen a través da compaixón e o medo se purifica interiormente. Devandita reacción emocional ten a súa base na suspensión do xuízo de realidade con respecto á acción tráxica: alguén moi consciente da irrealidade da obra non podía sentir empatía polas súas personaxes.

Fronte a esta concepción da literatura como catarse, algúns autores contemporáneos como Bertolt Brecht propuxeron a anulación da implicación emocional, a través dun "teatro épico", que ten como unha das súas características acentuar a irrealidade da representación, esaxerando a distancia entre ficción e realidade. Deste xeito, Brecht quería lograr que os espectadores realizasen un xuízo crítico e racional da acción, en vez dunha implicación emocional e irracional.

Formatos

editar

Tradicionalmente a ficción inclúe novelas, contos, fábulas, mitos, poesía épica e narrativa, obras de teatro e óperas... Porén, a ficción tamén pode incluír bandas deseñadas, animación, filmes, monicreques, videoxogos, programas de televisión...

Internet tivo un grande impacto na creación e distribución da ficción, cuestionando a viabilidade do copyright.[1] Ademais as bibliotecas dixitais como o Proxecto Gutenberg fan que os textos en dominio público sexan máis rapidamente dispoñibles. A combinación dos computadores domésticos baratos, Internet e a creatividade dos seus usuarios tamén levou a aparición de novas formas de ficción, como os xogos interactivos ou as bandas deseñadas xeradas por computador. Tamén se emprega para o desenvolvemento dos blogs de ficción, onde se distribúen as historias secuencialmente en forma do series mesmo de diferentes autores.

Algúns tipos de ficción literaria en prosa son:

  • Relato: Obra de entre 2000 e 7500 palabras (5 a 25 páxinas). O límite entre relato longo e novela breve é vago.[2]
  • Novela breve: Obra de polo menos 17 500 palabras pero menos de 50 000 (60-170 páxinas). Corazón da escuridade, de Joseph Conrad (1899) é un exemplo.[3]
  • Novela: Obra de máis de 50 000 palabras (máis de 170 páxinas).

Xéneros

editar

A ficción adoita dividirse nunha variedade de xéneros, diferenciados polo ton, a técnica narrativa, o contido ou a popularidade. Por exemplo a ficción científica predí ou supón tecnoloxías que non son realidades no tempo da creación da obra; deste xeito, a novela de H.G. Wells The First Men in the Moon foi publicada en 1901, mais até 1969 o astronauta Neil Armstrong non se converteu no primeiro en pisar a Lúa.

A ficción histórica coloca personaxes imaxinarias en sucesos históricos reais. Nunha das primeiras novelas históricas, Waverley, de Walter Scott, a personaxe ficticia Edward Waverley coñece a figura real Bonnie Prince Charlie, e ten parte na batalla de Prestonpans. Algunhas obras de ficción son reinterpretacións baseadas en historias reais ou biografías reconstruídas.[4] Habitualmente, mesmo se o autor afirma que a historia ficticia é basicamente real, pode haber adicións ou subtraccións artificiais para facer a historia real máis interesante, como ocorre con The Things They Carried, de Tim O'Brien, serie de relatos sobre a guerra de Vietnam.

As obras de ficción que incorporan explicitamente elementos sobrenaturais, máxicos ou cientificamente imposibles adoitan clasificarse no xénero da fantasía, como Alicia no país das marabillas (Lewis Carroll), Harry Potter (J. K. Rowling) ou O señor dos aneis (J. R. R. Tolkien). Os creadores de fantasía ás veces introducen criaturas imaxinarias como dragóns ou fadas.[5]

Elementos da ficción

editar

Aínda que ficción e narración non son vocábulos sinónimos, xa que nin toda ficción é narrativa nin toda narración é ficticia, a narración si é o modo predominante de introducirse en mundos de ficción; de aí que exista o que se coñece como "pannarrativismo", consistente na aplicación (ás veces excesiva) das ferramentas de análise narrativa, tradicionalmente desenvolvidas no campo da crítica literaria, a calquera das formas en que pode manifestarse a ficción: p cinema, o teatro, a televisión, as bandas deseñadas, os videoxogos...

A narratoloxía ou estudo da narración, desenvolvida fundamentalmente polas correntes estruturalistas ao longo do século XX, céntrase principalmente en catro dos elementos constitutivos da narración: o narrador, as personaxes, o tempo e o espazo:

  • O narrador é a entidade, creada polo autor, que narra a historia. Existen diversas categorías para clasificar os narradores, tendo en conta tanto a súa participación nos feitos que narra, a persoa gramatical que emprega e a amplitude do seu coñecemento sobre os feitos que está a narrar.
  • As personaxes teñen características que os definen e que os fan distintos aos outros. Poden ser animais ou cousas, mais estes teñen características de humanos (poden falar, pensar, rir...)
  • Nun texto narrativo o tempo indica o momento en que sucede cada un dos acontecementos, mais tamén sinala a duración dese feitos.
  • O espazo é o lugar físico en que se desenvolven os acontecementos ou o ambiente en que transcorre a vida das personaxes (ledicia, tranquilidade...)

O pacto ficcional

editar

O pacto ficcional estipula un acordo case contractual entre o autor e o receptor da obra mediante a que este último se permite a cesión do xuízo de verade. Deste xeito, ten lugar a libre disposición das regras propias do mundo representado, creadas polo autor. A existencia do pacto ficcional suspende a pregunta sobre a falsidade ou non da obra e permite a identificación catártica e a inmersión do receptor no plano da ficción.

Cómpre salientar como é de necesario que o receptor saiba que está enfrontando unha ficción para que o pacto ficcional poida cumprirse. En caso contrario, a ficción non ten lugar como tal e o receptor séntese enganado, agredido ou confundido. A modo de exemplo, o pacto ficcional é o que nos permite centrarnos no argumento dun filme de animación en que as personaxes son xoguetes sen indignarnos pola mentira que o director quixo vender.

  1. Jones, Oliver. (2015). "Why Fan Fiction is the Future of Publishing." The Daily Beast. The Daily Beast Company LLC.
  2. J. A. Cuddon, The Penguin Dictionary of Literary Terms (1992). London: Penguin Books, 1999, p.600.
  3. Heart of Darkness Novella by Conrad Arquivado 09 de abril de 2017 en Wayback Machine. - Encyclopædia Britannica,
  4. Whiteman, G.; Phillips, N. (13-12-2006). "The Role of Narrative Fiction and Semi-Fiction in Organizational Studies". ERIM Report Series Research in Management. ISSN 1566-5283. SSRN 981296. 
  5. William Harmon and C. Hugh Holman A Handbook to Literature (7th edition). Nova York: Prentice Hall, 1990, p. 212.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar