Casa da Moeda de Sydney

antiga casa de moeda

A Casa da Moeda de Sydney (en inglés: Sydney Mint), é o edificio público máis antigo dos conservados no distrito central de Sydney, en Nova Gales do Sur, Australia, que serviu inicialmente como hospital e posteriormente como casa de moeda e tamén para outros usos.[1]

Casa da Moeda de Sydney
Sydney Mint


Edificio sede da
Casa da Moeda de Sydney en 1872

TipoEstatal
Fundación- 1816 (hospital).
- 1854 (casa de moeda).
MatrizGoberno de Australia.
Localización Sydney
Australia Australia.
IndustriaCuñaxe.
ProdutosMoedas e medallas.
Na rede
https://sydneylivingmuseums.com.au/the-mint
editar datos en Wikidata ]

O edificio construíuse entre 1811 e 1816 como a á sur do Hospital de Sydney, e daquela coñecíase como Rum Hospital. En 1854 estableceuse alí unha ceca sucursal da Royal Mint e o propio edificio foi utilizado como residencia dos seus empregados, en tanto que para os talleres se construíu un anexo na parte traseira.[1]

O complexo sitúase no distrito central de negocios de Sydney, no número 10 de Macquarie Street, preto de moitos outros edificios históricos australianos, como Hyde Park Barracks, a igrexa de St James e o a sede do Parlamento do estado. O conxunto arquitectónico está inscrito no Rexistro de Patrimonio do Estado de Nova Gales do Sur. Desde 1998 é propiedade do Historic Houses Trust, e nel ten a súa sede esta institución.[2][3]

Historia

editar

Hospital Xeral, dispensario e outros usos (1811-1854)

editar

En 1811, o gobernador Lachlan Macquarie comezou a planificar un novo hospital xeral en Sydney, que ía ser o seu primeiro gran edificio público. Para financiar a construción do Hospital Xeral concedéuselles aos contratistas Garnham Blaxcell, Alexander Riley e D'arcy Wentworth —o cirurxián principal— a autoridade para importaren 45.000 galóns de ron, polo que os edificios pasaron a coñecerse como o Rum Hospital ("Hospital do Ron").[4][5]

En 1842 abriuse un dispensario que substituíu a á sur, logo do cal o resto do edificio se utilizou como hospital militar ata 1854.[3]

Aínda que se descoñece quen foi o arquitecto, pénsase que a inspiración para a forma dos edificios procede da época de Macquarie na India, especialmente da Casa do Goberno de Madrás. O propio gobernador Macquarie e a súa muller, Elizabeth, poderían ter participado no seu deseño.[6] No entanto, o hospital está construído segundo o plan institucional do exército habitual da época, do mesmo xeito que o acuartelamento coñecido como Victoria Barracks. O hospital construíuse orixinalmente con tres ás: a do norte pasou a formar parte máis tarde do edificio do Parlamento, a central foi demolida e a sur converteuse en 1855 en fábrica de moeda.[3]

A primeira pedra colocouse en outubro de 1811, mais o hospital non estivo preparado para recibir pacientes ata marzo de 1816. Isto debeuse en gran parte ás constantes investigacións sobre as reclamacións pola mala calidade dos materiais e da construción. O arquitecto Henry Kitchen escribiu ao comisario Bigge que "un podería imaxinar que se construíra co propósito de exhibir o efecto rechamante que unha estrutura así produciría cando estivese en ruínas". O arquitecto Francis Greenway tamén criticou os edificios, e elaborou plans para reforzar o seu tellado. O informe oficial de Greenway sobre a fabricación concluíu que as xuntas das trabes estruturais eran débiles, que os alicerces eran pobres, que se cortaran esquinas durante a construción, que había pedra corrompida e podremia seca tamén nas madeiras. Aínda que Macquarie ordenou aos contratistas que arranxasen estas deficiencias, outras moitas non saíron á luz ata as obras de restauración da década de 1980. Malia todo isto, trátase do edificio máis antigo dos existentes no centro de Sydney.[3]

No entanto, a queixa principal do comisario Bigge referíase ao tamaño e á grandeza dos edificios, máis que a ningunha outra cousa. É probable que estas queixas estivesen motivadas durante os primeiros anos de existencia do hospital, xa que este non era capaz de sosterse a unha escala tan grande. Como resultado, trasladáronse ao complexo outras axencias gobernamentais: o Consello Lexislativo instalouse nas dependencias do cirurxián principal en 1829, e en 1848 chegou mesmo a desprazalo a fóra do hospital; esta á conforma hoxe a fachada norte da sede do Parlamento estatal. Outras salas foron destinadas ao Supervisor Principal de Convictos e tamén ao primeiro museo de Sydney.[3]

As vacilacións iniciais acerca da titularidade dos edificios afectou o crecemento da Enfermaría e Dispensario de Sydney, como se coñeceu desde 1844 ata 1881, cando se converteu no Sydney Hospital. A á sur utilizouse primeiro para o tratamento de pacientes convictos e tamén albergou os cirurxiáns auxiliares e o almacén médico. Desde finais de 1843 ata 1848 o edificio foi utilizado polo Dispensario, que fora creado en 1826 e ocupara ata entón diversos edificios da cidade. A finalidade do servizo era tratar, como pacientes ambulatorios, os pobres libres que non podían pagar a súa atención médica. En 1848, a Enfermaría e Dispensario de Sydney renunciou á súa localización na á sur.[3]

Casa da Moeda (1855-1926)

editar
 
Soberano de ouro de 1885, cuñado no primeiro ano de produción da Casa da Moeda. Peso: 7,99 g. Diámetro: 22 mm.[7]

O Consello Lexislativo de Nova Gales do Sur comezara a solicitar ao Goberno británico o establecemento dunha casa de moeda en 1851, xa que a febre do ouro puxera en circulación grandes cantidades deste metal sen refinar que ameazaba a moeda oficial. O secretario de Estado británico transmitiu en 1853 a aceptación do Goberno colonial para establecer unha ceca en Sydney,[6] que ía ser a primeira sucursal da Royal Mint fóra de Inglaterra, e para iso enviou equipamentos e unha vintena de empregados.[1][3]

O capitán F. C. Ward foi nomeado como máximo responsable executivo (Deputy Mint Master) da futura ceca. El mesmo encargouse do deseño dos edificios necesarios e permaneceu en Inglaterra para seleccionar o equipamento que cumpría. C. Trickett, como superintendente de cuñaxe, foi enviado a Sydney en 1853 para dirixir a construción dos edificios e instalar a maquinaria da fábrica, e para garantir unha seguridade axeitada. Ward, que traballara con Joseph Paxton no Crystal Palace de Londres, empregou técnicas similares na construción da Casa da Moeda: columnas e tesoiras da cubrición prefabricadas en ferro fundido. Foi Trickett quen seleccionou a localización e modificou os planos de Ward para incorporar a á sur do hospital como aloxamento e oficinas, cos restantes edificios da fábrica ocupando os outros tres lados dun cuadrilátero. A curta extensión meridional estaba formada polos talleres de carpintaría e axuste. Ao leste achábanse as salas de cuñaxe e laminación e a oficina do superintendente. Acaroado a este bloque, máis ao leste, atopábanse as salas de máquinas e de caldeiras. O bloque norte estaba formado pola casa de fundición, unha oficina e un almacén. O patio creado estaba axardinado xeometricamente en torno a un elemento central. Os edificios da fábrica obrigaron a demoler a cociña e as dependencias do hospital. A construción dos edificios prefabricados correu a cargo dun continxente de zapadores e mineiros formados, membro dos Royal Engineers.[3]

 
Medio soberano de 1914 co deseño do reverso de Benedetto Pistucci, coa marca de ceca "S" (Sydney) baixo o pezuño traseiro do cabalo. Peso: 3,96 g. Diámetro: 19,3 mm.

En 1854 produciuse unha serie de nomeamentos para os principais cargos da Casa da Moeda: o capitán Edward Wolstenholme Ward, dos Royal Engineers, como novo responsable máximo; William Stanley Jevons e Francis Bowyer Miller como ensaiadores; Charles Elonis como superintendente da oficina de metais preciosos; Joseph Trickett como superintendente do departamento de cuñaxe e Elliott Knipe como rexistrador e contador.[8]

A nova ceca comezou as súas cuñaxes o 14 de maio de 1855, como unha ceca sucursal da Royal Mint. O 18 de xullo de 1855 entrou en vigor unha lei que regulaba a moeda de Nova Gales do Sur e nela estipulábase que as moedas de ouro debían chamarse "soberano" e "medio soberano", e debían ter o mesmo peso e valor que as cuñadas na ceca londiniense.[9]

Durante os seus primeiros cinco anos de funcionamento, as exportacións de ouro diminuíron drasticamente, xa que cada ano se convertía máis dun millón de libras de ouro en moedas dun soberano e de medio soberano. En 1868 as moedas da Ceca de Sydney foron recoñecidas como moedas de curso legal en todas as colonias do Imperio Británico, mais non foi ata febreiro de 1886 cando foron aceptadas en Gran Bretaña.[3] Os soberanos e medios soberanos cuñados na Ceca de Sydney en 1855 e 1856 teñen o anverso practicamente igual ao dos emitidos pola Royal Mint en Inglaterra, coa única diferenza de que o busto da raíña Vitoria portaba unha coroa aborixe típica de Australia. Pola súa banda, o reverso era propio e consistía na palabra AUSTRALIA coroada dentro dunha coroa vexetal, xunto coa inscrición SYDNEY MINT a modo de marca de ceca e a mención ao valor facial da moeda.[7] A partir desa data os modelos pasaron a ser idénticos aos da metrópole e unicamente se diferencian pola presenza dun pequeno S no reverso como marca de ceca de Sydney.[1][10]

A ceca sucursal de Sydney comezou a distribuír —mais non cuñar— moedas de bronce británicas en 1868, e en 1879 empezou tamén a distribuír moedas de prata imperiais. Despois da federación das colonias en 1901, foi unha das tres cecas que cuñaron as novas moedas da Commonwealth de Australia, xunto coa Ceca de Perth e a Ceca de Melbourne.[3]

 
Gravado do edificio da Casa da Moeda de Sydney en 1888.

Durante todo o período de actividade da Casa da Moeda producíronse pequenas modificacións nos edificios. A principios da década de 1860 engadíronse unha nova oficina de ensaio e unha sala de trituración. Entre 1870 e 1875 construíuse tamén unha serie de residencias que daban a Hospital Road, e a cheminea foi renovada en 1889. Malia as actuacións contra a deterioración dos edificios, en 1909 a Comisión Real para a Mellora da Cidade de Sydney recomendou a súa demolición, xa que a rúa Macquarie estaba a converterse progresivamente en sede de edificios gobernamentais. Ademais, en tanto que as encargas de Rusia estaban a consolidar as actividades de cuñaxe en Melbourne e en Perth, as instalacións de Sydney deterioráronse ata o punto de que a súa actividade se detivo definitivamente a finais de 1926, por mor do avellentamento dos seus equipamentos e da súa falta de rendibilidade, mentres que as outras dúas seguiron a cuñar soberanos ata 1931.[3][11]

Na súa época de actividade, a Casa da Moeda de Sydney foi tamén a sede, aínda que non con carácter oficial, da Sociedade Filosófica de Nova Gales do Sur. A maioría dos directivos da Casa da Moeda eran membros fundadores da Sociedade. Coa aquiescencia do presidente da Sociedade, William Denison, e tamén do gobernador de Nova Gales do Sur, o edificio e os equipos da ceca foron utilizados para unha serie de experimentos e a ceca converteuse no corazón da comunidade científica de Sydney. Entre outros experimentos, investigouse a resistencia e a elasticidade das madeiras autóctonas e a combustibilidade do carbón de Tasmania. A Sociedade Filosófica tamén fomentou outras importantes investigacións sobre padróns meteorolóxicos e sísmicos.[3]

Oficinas gobernamentais, tribunais de xustiza e museo (desde 1927)

editar

Logo do cesamento das actividades da Casa da Moeda e o conseguinte abandono das instalacións, unha serie de departamentos gobernamentais procuraron espazo para oficinas nos edificios. Do mesmo xeito que o cuartel contiguo, as dúbidas en torno á titularidade dos edificios supuñan unha eiva para o seu mantemento e, no seu lugar, os espazos fóronse enchendo con novas construcións de fibrocemento para albergar institucións como o Departamento de Dotación Familiar (1927-1940), o Servizo Nacional de Emerxencias (1940-1950), a Comisión de Vivendas de Nova Gales do Sur (década de 1940) e a Oficina de Impostos Catastrais (mediados dos 1940). Durante a década de 1950 mudáronse tamén alí o Servizo de Información Xudicial, os Tribunais de Distrito e a Biblioteca do Parlamento. Dentro da antiga fábrica de moedas creáronse salas de vistas, revestidas de fibra para o seu uso.[3]

A construción dun novo Tribunal de Distrito en 1956 supuxo o maior impacto nos edificios da fábrica. As novas oficinas substituíron o que antes eran as residencias de Hospital Road, a oficina de ensaio e os almacéns, así como o muro perimetral oriental. En 1968 tamén se derrubaron a sala de trituración de cuarzo e o pendello anexo, a sala de fundición e a sala de laminación da ceca, para crear un novo aparcadoiro.[3]

A restauración dos edificios que quedaban, anunciada en 1975, levouse a cabo entre 1977 e 1979, co propósito de utilizar polo menos a antiga Casa da Moeda como museo. De feito, en 1982 abriuse a Casa da Moeda como unha sucursal do Museo de Artes e Ciencias Aplicadas, que se mantivo activo ata que finalmente pechou en 1997, un ano antes de que o edificio pasase á propiedade do Historic Houses Trust.[3][6]

A antiga Casa da Moeda foi incluída entre os 30 proxectos que remodelaron a contorna a partir de 1978.[12] Na década de 1930 retiráranse e vendéranselle a un colexio os portalóns da Casa da Moeda cara á rúa Macquarie para favorecer a creación de prazas de aparcamento, e nos anos 1980 intentouse a súa recompra, mais isto non foi posible e fundiuse en ferro unha copia das orixinais para as instalar novamente, dentro do proceso de restauración do edificio.[3]

 
Placa de Historic Houses Trust no edificio da antiga Casa da Moeda, que indica os usos actuais do edificio.

Logo da adquisición das instalacións da Casa da Moeda en 1998 por parte de Historic Houses Trust, esta institución mantivo nas instalacións un pequeno museo e unha cafetaría. En 2004 leváronse a cabo novas obras de restauración para permitir que o Historic Houses Trust puidese instalar alí as oficinas da súa sede central. O edificio da ceca pasou a estar ocupado por oficinas e na antiga casa do superintendente instalouse a Biblioteca e Colección de Investigación Caroline Simpson. Dentro das obras de remodelación engadíronse tamén unha sala de teatro e un vestíbulo.[3]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Information about mint: Sydney Mint (1854-1926)". OnlineCoin.Club
  2. "Mint Building". New South Wales State Heritage Register. Department of Planning and Environment.
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 3,13 3,14 3,15 3,16 "Mint Building and Hyde Park Barracks Group". New South Wales State Heritage Register. Department of Planning and Environment.
  4. "The Sydney Mint". Australiaspastpresent.com
  5. "Rum Hospital 1811 - 1854". Historic Houses Trust.
  6. 6,0 6,1 6,2 "The Mint. Public building". En The Dictionary of Sydney.
  7. 7,0 7,1 "1 Sovereign - Victoria (1855-1856)". Numista.com
  8. "Commercial Intelligence". En The Sydney Morning Herald. 8 de novembro de 1854. Páxina 8.
  9. Potter, C. (1893). Pamphlets issued by the New South Wales Commissioners for the World's Columbian Exposition, Chicago. Sydney. Government Printer. Páxina 137.
  10. Celtel, A.; Gullbekk, S. H. (2006). The Sovereign and its Golden Antecedents. Oslo. Monetarius. ISBN 978-82-996755-6-7. Páxina 131-132.
  11. Marsh, M. A. (2017). The Gold Sovereign. Exeter. Token Pub. (1ª ed.: 1980). ISBN 978-1-908828-36-1. Páxinas 78-87.
  12. "Making a Mint". Building.co.uk. 5 de xullo de 2005.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar