Alectrión
Na mitoloxía grega Alectrión foi un mozo ás ordes do deus Ares que foi transformado por este en galo.
Biografía | |
---|---|
Descrito pola fonte | Paulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft |
A lenda conta que Ares, deus da guerra, aproveitaba as frecuentes ausencias de Hefesto, deus do lume, nas que deixaba soa á súa esposa, a deusa do amor Afrodita. Para evitar ser sorprendidos polo deus Helios, o sol, Ares poñía a Alectrión na porta da alcoba, como sentinela para que os avisara de que se achegaba o amencer.
Pero unha mañá, Alectrión quedou a durmir e a parella foi sorprendida na cama por Helios. Este avisou a Hefesto e este capturou ós dous amantes nunha rede que fixera el mesmo, tan forte que lles foi imposible saír dela. A seguir, Hefesto convocou ó resto dos deuses e mostroulles a parella núa, dentro da rede, entre as risas de todos. Só grazas ás boas palabras de Poseidón e Hermes, Hefesto consentiu en liberalos: Afrodita fuxiu avergoñada a Chipre e Ares a Tracia.
Ares anoxouse con Alectrión e transformouno en galo, e desde aquela o galo anuncia a chegada do sol á mañá: alectryon (ἀλεκτρυών), en grego antigo, significa galo.
Estas relacións entre Ares e Afrodita foron moi frutíferas pois tiveron cinco ou seis fillos: Eros, Anteros, Deimo, Fobo, Harmonía e -para algúns mitógrafos- Príapo.
Outros personaxes
editarNa Ilíada, Homero cita outro personaxe con este mesmo nome, pero simplemente para indicar que tiña un fillo, Leito, a quen Heitor feriu no pulso, obrigándolle a retirarse [1].
Notas
editar- ↑ Ilíada XVII, 602.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Grimal, Pierre (1981 1ª ed; 2017 7ª reimpr)). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós. ISBN 9788449324574. (en castelán)
- Homero (trad. Óscar Martínez García) (2010 (1ª ed, 3ª reimpr)). Ilíada. Alianza Editorial. ISBN 9788420678344. (en castelán)